Friday 17 de May de 2024

O obradoiro municipal de emprego ‘Unha ventá ao porto medieval da Coruña’ recuperará e poñerá en valor a pegada histórica do Camiño de Santiago na cidade


A concelleira responsable da área de Benestar Social, Yoya Neira, e o concelleiro de Emprego, Juan Ignacio Borrego, abriron o curso que permitirá formar a 16 alumnos da Coruña e Culleredo

O Centro Municipal de Emprego dos Rosales acolleu o inicio oficial do obradoiro de emprego ‘Unha venta ao porto medieval da Coruña’, no que 16 alumnos e alumnas formaranse durante un ano para dixitalizar e desenvolver contidos culturais ao redor das pegadas do que foi o máis importante punto de chegada por mar de peregrinos do Camiño de Santiago durante os séculos XV e XVI.

A concelleira responsable da área de Benestar Social, Yoya Neira, acompañou ao alumnado no inicio do curso xunto co concelleiro de Emprego, Juan Ignacio Borrego, e o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor. A concelleira destacou que este obradoiro servirá para que mozos e mozas teñan un acceso con plenas garantías ao mercado laboral. “Ides recibir unha formación que vos abrirá as portas a un sector en auxe non só na nosa cidade, senón en todo o mundo: as novas tecnoloxías aplicadas á difusión da cultura para facela máis accesible a todo tipo de públicos”, dixo Neira.

O obradoiro enmárcase dentro da iniciativa de Emprego Xuvenil e o Programa Operativo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) Galicia 2021-2027. O alumnado formaranse en diferentes ámbitos como a produción fotográfica, coa dixitalización 3D de bens mobles e inmobles e espazos relacionados do patrimonio cultural da Coruña e a dinamización, programación e desenvolvemento de actividades culturais. As persoas traballadoras serán contratadas, baixo a modalidade de contrato de formación en alternancia e percibirán as retribucións que lles correspondan de conformidade co previsto na normativa vixente.